A Oficina


A Oficina de Software Libre do CIXUG é o organismo encargado de desenvolver  proceso de aumento do uso, a creación de software así como a docencia do software libre e de fontes abertas nas universidades de Galicia. A oficina aspira a potenciar a difusión do coñecemento tecnolóxico, a promoción da comunidades que comparten coñecemento por medio de licenzas libres, a colaboración interdisciplinar ofrecendo asistencia, apoio e a realimentar o proceso coa recollida das experiencias da súa implantación práctica. Deste xeito a oficina pretende ser un nodo de coordinación horizontal no desenvolvemento de software e coñecemento libre. 

A OSL do CIXUG é continuadora en 2012 das antigas OSL das universidades que se reorganizaron co fin de obter unha maior eficiencia, transversalidade e alcance nas súas actividade de fomento. 

Conta con delegacións nos campus de  Vigo, Santiago e A Coruña co que se pretende cubrir actividades sobre as tres universidades que forman o propio CIXUG, único ente especializado FLOSS (materia de SwL e de fontes abertas) no ámbito do sistema universitario de Galicia. 

Os obxectivos institucionais específicos da OSL do CIXUG son os de impulsar as mellores prácticas tanto nos procesos xestión académica como da xestión da investigación e permitir o deseño e o desenvolvemento de solucións informáticas para a xestión universitaria, xunto coa integración de datos e información sobre o coñecemento e mellorar a accesibilidade para a comunidade. 

Plan de actuacións para o 2013

En virtude do convenio que o CIXUG estableceu coa AMTEGA, a actividade da OSL plasmarase nun programa técnico de actividades que están recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre e de fontes abertas, dentro das liñas de traballo da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal e que se coordinan coa Oficina de Coordinación FLOSS da Xunta de Galicia:

  1. Mantemento e evolución do mirror FTP do CIXUG
  2. Formación de PAS en ferramentas libres
  3. Elaboración de material formativo de ferramentas libres
  4. Celebración de xornadas de difusión
  5. Mantemento e melloras da web da oficina
  6. Oficina de software libre móbil
  7. Implantación de programas libres para Windows nas aulas de informática
  8. Implantación de arranque dual con Ubuntu SO.XUG nas aulas de informática
  9. Asesoramento e asistencia en software libre á comunidade universitaria
  10. Soporte e mantemento da Ubuntu SO.XUG
  11. Colaboración coa comunidade galega de localización de software libre
  12. Premio ao mellor Proxecto Fin de Grao (PFG) con software libre